15.11.06

O can-home

Cando caeu o primeiro chaparrón, o home explicouse de maneira perspicaz.

.…

Tiña o pescozo cheíño de mágoas e feridas e a mín aquelo moito me chamou a atención.

Pregunteille o porqué de non estar ao enxoito … -¿ que fai vostede baixo este relento de auga que de súpeto é chaparrón?…

-Non fago nada meu fillo, tan so vexo pasar as horas convertidas en tempo, en témporas e en temporais.

……….

O segundo chaparrón foi tan forte que ate quedou pingando o reverso do meu paraguas.

……….

Mirándolle de novo para o pescozo volvín a preguntarlle.

- e logo, ¿vostede quen ven sendo? …

- Eu non son ninguén, díxome … son home que viveu toda a vida coma can…

.….

No terceiro chaparrón o can-home botouse a andar corredoira adiante coas catro pernas afogadas na lameira daquel mollado inverno…

……….

No medio do camiño mirou para atrás, buscoume os ollos e díxome:

- Meu querido amigo, prefiro morrer de soedade e frío que volver a aturar o peso dun colar no meu pescozo …

………

E eu alí quedei mirando para el mentras se perdía no horizonte dun carreiro enlamado…

2 comentários:

motu disse...

que contento vai epi co novo xoguete

Anónimo disse...

Denantes mortos que escravos...